Para unha candidatura galega cidadá
Proposición de cerna para unha candidatura galega cidadá para as eleccións xerais
A historia recente demostrounos que a dispersión de forzas cidadáns como ocorreu hai 37 anos, en 1978, deixou a Galiza fora do debate constitucional e pagámolo ben caro. Aquí o caciquismo franquista quedou intacto anos e anos como en ningunha outra nación do Estado.
Para que o bipartidismo non teña enfronte nas próximas eleccións unha constelación de partidos, é preciso que teña enfronte á cidadanía organizada para exercer os seus dereitos: partidos, plataformas electorais e cidadanía participando directamente. Así derrotarémolos.
As condicións para a unidade cidadán son de sentido común pero todas elas esenciais:
Candidatura Galega implica ámbito galego soberano para a defensa do interese colectivo da cidadanía galega, sinaladamente o dereito radical democrático a decidir, e dos dereitos das persoas integrantes da maioría social agredida polo poder financeiro.
Unha Candidatura Galega co obxectivo de asegurar presenza de Galiza cun grupo galego nas Cortes do Estado resultantes das Eleccións Xeras de fins deste ano, instrumento imprescindíbel para que a cidadanía galega fale por si propia. Para lograr este obxectivo débense, xa que logo, configurar catro candidaturas nas catro circunscricións provinciais.
Candidatura cidadán implica a elección directa e a conformación das listas por parte da cidadanía sen intermediarios e sen exclusións. Poderán por tanto presentarse todas as persoas que asuman o programa e os acordos da candidatura que así o desexen e deberán ser votadas nunhas primarias auténticas en cada unha das provincias por parte de todas as persoas con dereito a voto que se inscriban nun censo de participantes aberto á cidadanía que se apunten a tal efecto nun censo seguro e verificado.
Habilitarase tamén un ámbito de discusión e definición dun programa básico que responda aos obxectivos da Candidatura Galega así como de decisión sobre a implementación da campaña e do traballo posterior do grupo en Madrid.
Quen está lexitimado? Quen garante o respecto escrupuloso do proceso?
Sendo instrumentos imprescindíbeis para a acción política e participación política da cidadanía non son os partidos os chamados a iniciar e liderar este proceso, son catalizadores necesarios e xenerosos que deben dar un paso atrás e deixar facer.
Pero, quen é a cidadanía? Quen pode arrogarse a representación do conxunto enorme de cidadáns e cidadás para darlle ao motor de arranque? En calquera caso hai que garantir a participación directa, igual, sen exclusións e indelegábel das persoas.
Temos no País exemplos máis ou menos recentes de grupos cidadáns e cidadás que promoven, impulsan e acertan sen máis interese que contribuír e avanzar. O mítico Nunca Máis que deu a mobilización máis fermosa e concienciada da historia moderna de Galiza. Pode ser? Abonda a confianza.
Comentarios recentes