FORO POLÍTICO ABERTO PARA UNHA CANDIDATURA GALEGA
FORO POLÍTICO ABERTO PARA UNHA CANDIDATURA GALEGA
Vai ao final o acordado onte en Santiago de Compostela representantes de diversas forzas pollíticas para constituir un foro político aberto a todas as forzas polícas que o suscriban no que abordar a construción dunha Candidatura Galega de Unidade Popular para as vindeiras eleccións xerais.
Todas as forzas presentes concordamos en tomar como base para elaborar como puntos básicos para esa Candidatura, os sete que se inclúen no acordo, dándonos uns días para a súa modificación mediante aportes cun calendario de traballo de breves prazos dadas as datas nas que nos atopamos. Lembramos que o día 6 de novembro remata o prazo legal para constituir unha coalición instrumental para poñela ao dispor da cidadanía.
Igualmente tamen se acordou manter o proceso aberto á incorporación de outros partidos políticos nacionalistas ou non e a axentes sociais que asuman esas premisas xa ampliamente anunciadas públicamente por todas as partes interesadas no proceso.
Galiza, 17 de outubro de 2015
A REUNIÓN ENTRE PARTIDOS POLÍTICOS E O ENCONTRO CIDADÁN POR UNHA MAREA GALEGA CRISTALIZA NUN CONSENSO AMPLO
As organizacións establecen un calendario de traballo para ir concretando cada un dos puntos básicos aceptados.
Na tarde de onte reuníronse en Compostela representantes do Encontro Cidadán por unha Marea Galega, Anova, Cerna, Compromiso por Galicia, Espazo, Equo, Esquerda Unida, e Podemos coa vontade de constituír un foro político no que abordar a construción dunha candidatura de Unidade Popular para as vindeiras eleccións xerais.
Todas as organizacións presentes na reunión, tras analizar o documento achegado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega, concordaron nas bases que Encontro Cidadán aporta ao traballo para a construción dunha candidatura popular, nos puntos recollidos no seu documento de proposta:
1 . Contribuír activamente ao cambio político nos Gobernos de España e de Galicia. Temos que rematar coas políticas de austericidio, corrupción e involución democrática do Partido Popular, recuperando as institucións para o servizo da cidadanía e en favor das maiorías. Para iso é imprescindible a aglutinación de forzas nacionalistas e non nacionalistas nunha candidatura capaz de gañar as eleccións en Galicia.
2. Vontade de presentarse unidas tanto ás eleccións xerais como ás próximas autonómicas. Construción dunha verdadeira unidade popular. A mobilización da esperanza da unidade popular non pode reducirse a un simple movemento táctico, estamos construíndo un novo suxeito político; un suxeito político que comezou a artellarse nas eleccións municipais e que se inspira nas Mareas; un suxeito político, con vontade de permanecer e madurar como tal, no que a cidadanía galega sexa protagonista do seu futuro. Consideramos que a conformación desa unidade popular ten que ser un proceso real cunha tradución práctica e coherente nas accións políticas de todos os elementos que pretendan sumarse a esa unidade popular. É imprescindible a cooperación entre as forzas que dela participen, tanto nos ámbitos das institucións nas que comparten actividade política como no da mobilización da cidadanía en contra das políticas antisociais, sumándose aos movementos cidadáns. Nomeadamente a cooperación nos concellos de todas as forzas coas mareas municipais que son procesos de unidade.
3. Candidatura plural e cívica para vencer. Eleccións primarias abertas á cidadanía. Incluiremos a diversidade social e política de todas as enerxías do cambio reforzando o carácter integrador, alternativo e cidadán da proposta. O sistema de primarias será aberto a toda a cidadanía que se adhira aos principios da candidatura, para o que haberá que establecer un sistema de determinación do censo
4. Igualdade de xénero. Estableceranse mecanismos para evitar a discriminación das mulleres na confección das listas, garantindo a presenza feminina como cabezas de lista e nos postos de saída.
5. Programa aberto e participativo. Comprendemos o programa como un exercicio de intelixencia colectiva que recolle os saberes técnicos e a creatividade social para dar curso ás demandas da xente. O programa é a guía e o mandato cidadán para os representantes electos/as. O Encontro ofrece o labor desenvolvido e as ferramentas virtuais na elaboración do programa común.
6. Código ético e rendición de contas. T odas as persoas candidatas asumen un compromiso ético de obrigado cumprimento coa transparencia, a honradez e a eliminación de privilexios. Determinaranse mecanismos efectivos que garantan o compromiso co ben común e a rendición de contas diante dacidadanía que as elixiu.
7. Coalición electoral técnica. Grupo parlamentario ao servizo da cidadanía galega. Ao esgotárense os prazos para outras alternativas legais diferentes, entendemos que a coalición de partidos é a forma xurídica adecuada para presentarse ás eleccións xerais. A coalición permite fixar fórmulas de organización, dirección común e intervención por parte dos partidos e iniciativas cidadás implicadas. Os órganos de participación e dirección da coalición/candidatura asumirán os métodos transparentes da democracia participativa e da nova cultura política das mareas. As/os deputadas/os electas/os funcionarán a todos os efectos como un grupo parlamentario que se debe ao pobo galego e rende contas diante da súa cidadanía.
Coa fin de concretar e desenvolver cada un deses puntos, acordouse entre todos os presentes o establecemento dun calendario de traballo con prazos concretos. Asemade, decidiuse manter o proceso aberto á incorporación de outros axentes políticos e sociais que asuman esas mesmas premisas
Nin morre o pai nin ceamos. Espero que non espertemos á mañá seguinte da borracheira electoral e decubramos con horror con quen nos deitamos.
¡Adiante!