“O machismo é terrorismo”: Mónica Fernández defende no Parlamento medidas contra a violencia machista
No debate dunha PNL do grupo socialista sobre violencia machista, Mónica Fernández, de CERNA, dende o Grupo Mixto, defendeu que se faga cumprir a Lei Galega de prevención e o tratamento integral da violencia de Xénero, así como medidas económicas e de asesoramento ás vítimas da violencia, así como maior formación no eido laboral sobre igualdade de xénero.
“Na exposición de motivos da PNL que o grupo socialista pon en consideración deste Parlamento hai dous aspectos que esta deputada non pode deixar sen mencionar:
– a ausencia de alusión algunha ao que acontece na Galiza en relación ao tema da violencia.
– o ocultamento da existencia da Lei 11/2007 do 27 de xullo para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero aprobada polo Parlamento Galego.”
Dende CERNA subliñamos estes aspectos porque entendemos que “a nosa realidade nacional reúne unhas cuestións que fan que este, e outros temas, sexan tratados desde a perspectiva máis próxima. E, alén diso, porque unha aproximación a este gravísimo asunto que nos afecta debe ser realizada o máis lonxe posíbel de sectarismo.”
A violencia contra a muller é un atentado contra os dereitos humanos. É algo que vai alén da súa saúde. O MACHISMO É TERRORISMO!
O noso país ocupa un lugar tristemente relevante no ranking no relativo a feminicidios: no ano 2015 ocupamos o 3º posto por detrás de Andalucía (13) e Valencia (11). Porén, temos de subliñar que os datos referentes a Galiza están certamente “maquillados”, dado que non se contabilizaron as dúas meniñas asasinadas en Moraña a pesar que a Lei 11/2007 do 27 de xullo prescribe que deben ser tidas en conta nesta macabra e desgraciada contabilidade. E velaí unha pregunta: por que non as contabilizou o goberno galego no seu informe?
Outro aspecto a ter en conta nesta análise é o número de denuncias, entre outras razóns , porque nos aportan información da evolución deste grave problema. É sabido que hai unha violencia oculta, pois só se denuncia unha pequena porcentaxe. Falta asesoramento e información correcta para ratificar esas denuncias.
Garantir que as vítimas estean debidamente asesoradas é algo que depende só do goberno galego e, máis concretamente, do seu presidente o señor Feijóo. E tamén o é garantir que a súa condición económica ou o sistema xudicial non a obriguen a non denunciar ou a retirar unha denuncia.
A día de hoxe aínda prevalecen os prexuízos onde non se creen as versións das mulleres ou das e dos menores maltratados. A ONU reclama, ante o incremento das nenas e nenos asasinados polos seus proxenitores, unha formación máis axeitada aos profesionais que participan nestes procesos xudiciais.
Queremos poñer a énfase na involución da situación da muller na sociedade, ao ser crecentes os casos de violencia entre adolescentes, nun contexto de modelos sexistas, que se reproducen sobre todo a través dos medios audiovisuais, coas novas tecnoloxías.
Velaí a razón pola que consideramos que é no ámbito educativo onde debemos fornecer ao alumnado de contidos que fomenten o respecto e a igualdade entre sexos, e que fomenten a sensibilidade contra a violencia de xénero pois, segundo as estatísticas, e segundo se tipifica na lei 11/20017 do 27 de xullo, unha parte do alumnado é vítima ou vítima potencial de violencia de xénero no seus fogares.
Destacamos tamén a importancia de actuar sobre os medios de comunicación no xeito de transmitir as novas sobre agresións machistas ou asasinatos machistas e, tamén, sobre algúns comportamentos sexistas na programación da TV e radio, poñendo unha especial énfase nos chamados horarios infantís.
En materia laboral, na que a Xunta de Galiza ten competencia, a lasitude coa que se toma a Lei é tal que hai empresas que vulneran os dereitos a asistencia especializada das súas traballadoras reiteradamente.
A nivel dos Concellos é fundamental que tanto as traballadoras e traballadores da administración Local (nomeadamente as que máis directamente teñen contacto con vítimas e vítimas potenciais) posúan unha avaliación positiva en formación específica sobre igualdade de xénero e violencia de xénero, así como en sensibilización sobre o tema. E, con especial importancia, a Policía Local, xa que, en moitos casos, son os que teñen o primeiro contacto coas vítimas e a posibilidade, por proximidade, de detectar situacións de risco para as mulleres e actuar en consecuencia.
En conclusión, presentamos as seguintes emendas de adición, que foron aceptadas:
1. O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
a) Cumprir e facer cumprir a Lei 11/2007, a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
b) Garantir que a condición económica das vítimas non lles impida denunciar unha agresión.
c) Garantir un asesoramento personalizado e gratuíto á vítima.
d) Garantir partidas económicas que fagan efectivas todas as medidas aprobadas por este Parlamento para erradicar a Violencia Machista.
e) Fornecer ao alumnado de contidos que fomenten o respecto e a igualdade entre sexos.
f) Que o goberno galego acorde coa FGAMP cursos de formación para os traballadoras e traballadores da administración Local e da Policia Local (nomeadamente as que máis directamente teñen contacto con vítimas e vítimas potenciais) sobre igualdade de xénero e violencia de xénero.
2. O Parlamento galego insta ao Goberno do Estado a:
– que as funcionarias e funcionarios do Estado (nomeadamente as que máis directamente teñen contacto con vítimas e vítimas potenciais) posúan unha avaliación positiva en formación específica sobre igualdade de xénero e violencia de xénero, así como en sensibilización sobre o tema.
Comentarios recentes