Cerna organiza mesa redonda sobre as persoas refuxiadas #RefuxiadasEXeopolitica
O vindeiro venres, 19 de febreiro, CERNA ten preparada unha mesa redonda de debate acerca das persoas refuxiadas en Europa e sobre as liñas da xeopolítica actual, no Salón de actos da Facultade de Filosofía en Santiago de Compostela (praza de Mazarelos), ás 19 horas da tarde.
Contaremos coa presenza de Nour Al-Hussen Villa [Politóloga. Estudante de Máster de Estudos Internacionais. Activista cultural. Medio siria e medio galega.], con Roberto Mansilla Blanco [Analista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional. Licenciado en Estudos Internacionais e Máster en Ciencia Política.] e con Alicia Velasco Pintanell [Portavoz da Red Bienvenidxs refugiadxs Madrid]. O coloquio estará moderado por Carlos Méixome Quinteiro.
Trataremos de analizar o drama das persoas refuxiadas en Europa dende o punto de vista máis humano, os intereses de poder que se tecen en Oriente Medio e as liñas da xeopolítica nestes momentos, procurando as causas do drama das persoas refuxiadas, nun formato de charla-coloquio aberto, que pretendemos sirva para abrir debate e participación cidadá, concienciándonos como sociedade e achegando conclusións para esixir solucións ás institucións e estados europeos.
Será tamén un acto de denuncia ante a inacción pois, como sinala a deputada Consuelo Martínez en pregunta rexistrada no Parlamento sobre a acollida de persoas refuxiadas, “os países da UE só levan recolocado a 160 das 160.000 persoas comprometidas. Case 4.000 teñen perecido en augas do Mediterráneo en 2015. Ao estado español chegaron, de momento, tan só 18 das 16.231 que aceptou acoller. Galicia non acolleu a ningunha. Agora, estas18 persoas están distribuídas entre cinco centros e pisos de acollida xestionados polo Goberno e ONGs.”
* Emitirase na rede vía streaming e podendo intervir a través do hashtag #RefuxiadasEXeopolitica.
Comentarios recentes