Por un centro público de continuidade para persoas discapacitadas en Ourense
Os servizos sociais para a poboación non teñen distribución equitativa no territorio galego, sendo Ourense a única provincia galega que non dispón dun centro de continuidade para nenas e nenos con discapacidade física e psíquica, non podendo continuar nesta provincia a súa formación a partires dos 21 anos ao non dispoñer dun centro axeitado que conte con prazas de día e residenciais para aquelas persoas que non poden ser atendidas no domicilio ou para cando lles falten nais e pais.
A ANPA do Centro de Educación Especial Miño de Velle na cidade de Ourense está levando adiante as súas reivindicacións para que esta provincia teña un centro de titularidade pública. Mesmo nos últimos días veñen de recibir o apoio institucional da Deputación de Ourense, que se suma a outros apoios recadados pola ANPA.
Polo exposto as deputadas de CERNA, Consuelo Martínez e Mónica Fernández, formulan a seguinte interpelación:
Que propósitos de actuación ten a Xunta de Galicia na atención a persoas discapacitadas a partir dos 21 anos, cando finaliza o período escolar nos centros de Educación Especial, tendo analizada a Xunta de Galicia a demanda real e futura de centros de continuidade para nenas e nenos con discapacidade física e psíquica en Galicia?
Vai a Xunta crear un centro público de continuidade para persoas discapacitadas físicas e psíquicas maiores de 21 anos en Ourense e que mecanismos de colaboración vai establecer para garantir a permanencia destas nenas e nenos no CEE Miño unha vez cumpridos os 21 anos mentres non se resolva a situación con carácter definitivo?
Aquí a interpelación: interpelación centro persoas discapacitadas
Comentarios recentes