Pola retirada do programa “Expedición Galicia” da TVG por fomentar hábitos antiecolóxicos
O programa Expedición Galicia estreouse na TVG no mes de febreiro, como espazo divulgativo no que un grupo de persoas percorren Galiza e, entre outras actividades, realizan distintas prácticas de supervivencia polos nosos montes.
O primeiro programa, que se emitiu o 23 de febreiro, comezou con polémica. Entre as accións controvertidas atopamos prácticas de supervivencia onde se producen claras agresións ambientais atendendo á lexislación vixente, como comer crúa unha ra dos regos (rá ibérica) incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, esfarelan un formigueiro para coller material seco para facer lume, lume que prenden nun lugar non habilitado para iso, vadear un río cun 4×4 ou realizar acampada fóra de espazos habilitados ao efecto.
Sería importante a promoción noutros formatos para mellorar a función educativa e divulgativa e para fomentar o respecto ao medio ambiente. Algúns grupos e colectivos como ADEGA, GEAS e o Grupo Naturalista Hábitat solicitaron a CRTVG a retirada do mesmo e instan a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a tomar cartas no asunto.
Por iso solicitan as deputadas Chelo Martínez e Mónica Fernández a retirada deste programa, controlar o respecto polas normas medioambientais e procurar un mellor asesoramento para este tipo de programas “divulgativos”.
Comentarios recentes