CERNA, BNG e AGE piden conxuntamente Comisión de Investigación sobre FESAN por posible corrupción
CERNA, BNG e AGE piden crear unha Comisión de Investigación no Parlamento Galego sobre a Fundación FESAN.
Nos últimos días transcendeu publicamente un feito que pon novamente en cuestión os procesos de contratación da Xunta de Galiza e singularmente da Consellaría de Traballo, e poderíamos estar ante unha operación fraudulenta que tería como finalidade derivar recursos públicos cara empresas ou entidades con vinculacións políticas co PP.
Sospéitase que desde o ano 2009 a fundación FESAN acadou pola vía das subvencións públicas a xestión de arredor de 10 millóns de euros de cartos públicos e parece que se ten detectado que nalgúns casos, nos que a licitación se fixo a través do procedemento negociado, os convites para presentar ofertas cursáronse a FESAN e a outras dúas entidades das que o seu director xerente e administrador, Sr. Rodríguez Sedano, tamén era directivo.
Á vista destes antecedentes os grupos parlamentares asinantes consideran que o Parlamento Galego debe iniciar inmediatamente unha investigación exhaustiva de todos os contratos, convenios, subvencións ou demais actos administrativos que provocasen que cartos públicos rematasen en mans da fundación FESAN, das condicións en que se produciron para analizar a súa legalidade e derivar as posíbeis responsabilidades políticas ou outras que dos datos se poidan deducir.
* Aquí o documento rexistrado no Parlamento: Comisión FESAN
Comentarios recentes