Iª Asemblea de CERNA aposta pola ampla confluencia e o entendemento sobre o dereito a decidir
CERNA aposta por ampliar a alternativa electoral de “En Marea” e Mareas e Candidaturas Municipais de Unidade Popular para apartar ao PP do Goberno da Xunta.
CERNA propón crear un ámbito de entendemento e reflexión para a acción daquelas persoas, grupos e organizacións que entendan que Galiza, como nación, está asistida do dereito democrático radical a decidir.
A organización da esquerda nacionalista CERNA ven de celebrar está fin de semana a súa 1ª Asemblea Nacional ordinaria. Neste evento, pendente de se celebrar neste inicio de 2016, as persoas afiliadas xuntáronse para debater sobre a situación política e acordar liñas estratéxicas para a acción inmediata.
Os acordos tomados fan referencia aos procesos de confluencia e unidade electoral para vindeiros comicios a partir das pasadas eleccións Municipais co grande avanzo das candidaturas de unidade popular ou mareas, e das recentes Xerais.
Tamén se procedeu á renovación das persoas integrantes da Comisión de Coordinación.
Axuntamos o texto completo das liñas de acción acordadas:
1. Apoiar sen reservas a autoorganización da Nación Cidadá, nun proceso incluínte. Continuar e afondar nas tentativas de confluencia, sen subordinacións nin prepotencias, que se concretaron nos recentes procesos electorais (municipais e xerais), pero perfeccionando e mellorando os métodos de participación e toma de decisión en todos os ámbitos: radicalidade democrática, participación real (cada persoa cun voto) sen exclusións e dereito radical a decidir colectivamente como nación para avanzar cara a conformación dunha ampla alianza cívica que sexa quen de botar ao PP da Xunta e poñer o goberno aos servizo das maiorías sociais.
Á vista do anterior Cerna aposta por crear unha ampla alternativa electoral partindo do espazo de “En Marea”, as distintas Mareas, as Candidaturas Municipalistas de Unidade Popular e progresistas.
2. Crear un ámbito de entendemento e reflexión das xentes nacionalistas, dos seus métodos de traballo e de participación en ámbitos cidadáns e promover un dialogo inaprazábel, honesto, xeneroso, humilde e colaborador entre aquelas organizacións políticas, grupos e persoas que consideran que Galiza está asistida de dereito radical a decidir colectivamente e coinciden nun marco xurídico-político propio para Galicia de cara a idear o xeito de defendelo conxuntamente e con eficacia.
* Accede á tese política: tese Iª Asemblea Nacional CERNA
* Contacta con CERNA, inscríbete e/ou recibe información: FORMULARIO CONTACTO
Comentarios recentes