Chelo Martínez de CERNA pide á Xunta que defenda os Dereitos Humanos nos cárceres galegos
Nos macrocentros penitenciarios galegos hai denuncias sobre torturas e malos tratos perante os xulgados, dificilmente investigables polos órganos xurisdiccionais competentes. Ademais, a Valeduría do Pobo nunca procedeu a averiguar o fundamento dos feitos denunciados.
ESCULCA, nun dos seus relatorios, constatou falta de actividades de tratamento e falta de seguimento da saúde física e mental de persoas internas no Módulo 15 do penal de Teixeiro.
[O relatorio pode consultarse na páxina web de ESCULCA: http://esculca.gal/web/relatorios]
Situacións coma estas atentan contra a integridade física e van en totalmente en contra do carácter rehabilitador das penas. “As penas de prisión recárganse con torturas físicas e psicolóxicas, convertindo os cárceres – que deberían ser centros de inserción – en centros de vinganza, humillación e degradación persoal”, sinalou Chelo Martínez.
A deputada de CERNA denunciou tratos ás persoas presas “peor que ás ratas”, con mala alimentación, negando tratamentos médicos e illándoas do resto das persoas.
No caso da Lama, atopamos os supostos suicidios dos presos Borja e Eugenio, con sospeitas sobre esta versión oficial. Ademais, outro recluso, tras folga de fame, denunciou a situación inhumana da poboación reclusa neste penal.
Deputados e deputadas do Parlamento Galego de todos os grupos da oposición solicitaron a Institucións Penitenciarias o acceso aos centros penitenciarios galegos e a comunicación con persoas internas, pero esto sempre foi denegado. De feito, a deputada de CERNA denunciou que, tras ter solicitada unha entrevista cun interno, que lle foi denegada, e tras ser logo esta entrevista solicitada polo propio interno, Institucións Penitenciarias trasladouno a Zamora.
A Xunta de Galiza permaneceu impasible ante o feito de que un organismo estatal non permita fiscalizar o que afecta aos dereitos humanos de persoas no territorio galego. É máis, pese a ter aprobado o Parlamento por unanimidade solicitar ao Estado as competencias sanitarias nos centros penitenciarios ubicados en Galiza – unha iniciativa desta mesma deputada – pero a Xunta non fixo nada, e pacientes de Hepatite C nas prisións siguen padecendo o abandono.
Por iso, Consuelo Martínez presentou ante o Parlamento unha proposta para que a Xunta se dirixa ao goberno do Estado para exixir que abandone a súa actitude de escurantismo e falta de transparencia e traslade a Institucións Penitenciarias a obriga de facilitar o acceso dos Deputados e Deputadas da Cámara Galega tanto ás institucións como ás persoas internas nas mesmas.
Comentarios recentes