Chelo Martínez esixe á Xunta a devolución íntegra dos dereitos roubados ao persoal público
Chelo Martínez esixe á Xunta a devolución íntegra dos dereitos roubados ao persoal público.
A deputada de CERNA, Chelo Martínez, acusa ao PP de limitar o diálogo parlamentario na tramitación da devolución das pagas extras de 2013 sustraídas ao persoal público e de presentar esta devolución como acción voluntaria do goberno, cando responde a sentenzas xudiciais contra a Xunta de Galiza.
O PP de Galicia trouxo ao pleno do Parlamento un Proxecto de Lei polo que se aproba unha retribución de carácter extraordinario para os empregados do sector público autonómico de Galicia, en concepto de recuperación dos importes efectivamente deixados de percibir na parte proporcional ao tempo de servizos prestados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013, mediante o procedemento de lectura única, co que se imposibilita aos grupos parlamentarios a presentación de emendas en comisión e convírtese a Cámara nun órgano cuxa función única é rexeitar ou aceptar o proxecto proposto polo goberno.
Este proxecto de lei preséntase polo PPdG como unha acción voluntaria do goberno, cando responde a sentenzas xudiciais. O Tribunal Supremo confirmou neste ano a sentenza ditada no seu día en procedemento de conflito colectivo pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se declarou, entre outros pronunciamentos,o dereito do persoal con relación laboral sometido ao V Convenio colectivo único a percibir a paga adicional de xuño de 2013 na parte proporcional á prestación de servizos dende o 1 de xaneiro de 2013 ata o 28 de febreiro de 2013, entendendo que esta non está recollida nas contías efectivamente satisfeitas.
Ademais, Chelo Martínez considera que o debate é máis amplo e que deben devolverse a todas as traballadoras e traballadores os dereitos arrebatados polos gobernos do PP ata o presente ano 2016, o que o PP vende pero non fixo constar na lei que presenta. “Non existen compromisos, o PPdG só usa a Cámara para facer propaganda electoral e mentir”.
Chelo Martínez lembroulle ao PP que o que fixo coas pagas extras foi “un roubo” e que o persoal público pide “moito máis” que a devolución das pagas de 2013, por iso, a deputada de CERNA presentou unha emenda á totalidade ao Proxecto de Lei pedindo que se restitúan integramente todos os dereitos roubados polo PP ao persoal público da Comunidade Autónoma.
“O PP ten moita cara, pois intentou non pagar o salario ao persoal, ata recurrindo ao Tribunal Supremo”. O que fixo o PP foi “vandalismo institucional” e debe devolver “o que roubou”, remachou Chelo Martínez.
Foto: Quino Vilas.
O texto da emenda pode consultarse aquí: emenda dereitos persoal público
VÍDEO DEBATE (1)
VÍDEO DEBATE (2)
Comentarios recentes