O PP rexeitou proposta de En Marea para facer protocolos específicos sobre as persoas anciás que viven e morren soas
En Marea defendeu, a través de Paula Vázquez Verao, que a Xunta elabore protocolos específicos para atender a realidade crecente das persoas anciás que viven e morren soas no noso País.
A proposta foi rexeitada polo PP.
A Deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, presentou unha Proposición Non de Lei para reclamar ao Goberno galego protocolos específicos de actuación e coordinación das Administracións implicadas na atención á realidade das persoas anciás que viven en Galiza e que, en moitos casos, morren soas.
A situación demográfica de Galiza, unido ao poboamento disperso, deriva no feito de que cada vez hai máis persoas anciás que viven soas.
Esta realidade acentúase nas áreas de poboación máis dispersa, que coincide coas áreas máis avellentadas, como o oriente lucense e ourensán.
Na Galiza, ao rematar 2016, había 270.900 hogares habitados por unha soa persoa, das que 119.000 teñen 65 años ou máis. A maior parte, son mulleres. Nalgúns casos, sofren síndrome de Dióxenes que agrava a súa saúde física e mental e as illa da sociedade. Noutros, perderon as habilidades necesarias para atender as súas necesidades básicas e xestionar o seu patrimonio.
Reiteradamente a prensa informa de casos de persoas anciás que sofren caídas na casa e non poden levantarse durante horas ata que un familiar ou alguén da veciñanza os bota de menos ou oe a súa petición de socorro ou casos nos que os bombeiros acoden a rescatar a algunha persoa anciá atrapada na súa casa.
Segundo o Imelga, que leva alertando sobre esta realidade, no mundo rural o entorno coida das persoas que viven soas e por iso se producen menos casos de mortes en soidade que no mundo urbano, xa que o problema radica no illamento social, existindo unha clara relación entre a emigración á cidade, a disolución dos lazos familiares e o número de persoas anciás falecidas en soidade.
O Imelga entende, ademais, que os casos coñecidos de persoas que morren soas son tan só unha parte do total, porque outras moitas mortes son certificadas por Atención Primaria ou por un Hospital sen intervención forense nin da autoridade xudicial, polo que non se dispón de datos para analizar a súa evolución.
A proposta, rexeitada polo PP, foi formulada do seguinte xeito:
1. Presentar ao Parlamento, nun periodo máximo de tres meses, un Protocolo de Atención ás persoas maiores que viven soas que coordine as actuacións de todos os servizos públicos e institucións implicadas.
2. Presentar ao Parlamento, nun periodo máximo de tres meses, un Protocolo de Coordinación entre servizos sociais, Atención Primaria, Hospitais, xulgados, Imelga e todas as institucións que interveñan na atención, traslado e certificación de falecemento de persoas que viven soas.
É necesario o estabelecemento dun protocolo específico que para atender esta realidade tan extendida na nosa sociedade (realidade da que tamén convén que actualicemos os datos) e fomentar a colaboración entre servizos públicos e administracións implicadas, pois é preciso reforzar a colaboración entre áreas do goberno galego, en lugar da situación actual, na que atopamos falta de comunicación entre servizos implicados nunha mesma problemática.
Un eixo fundamental é tamén a dotación de recursos dos Servizos Sociais Comunitarios, que son a porta de detección principal desta e doutras realidades sociais. O mesmo sucede coa Atención Primaria. Unha maior dotación de medios e persoal en Sanidade primaria melloraría a capacidade de detección dos casos de persoas maiores enfermas que viven soas e o seu tratamento.
Así mesmo, é preciso reforzar os medios do IMELGA, que foi quen alertou do aumento de falecementos de persoas maiores que viven soas. De feito, este Instituto de Medicina Legal alertou que é preciso afondar no estudo desta realidade, xa que os casos coñecidos son só unha pequena parte, como xa foi exposto.
Comentarios recentes