O PP rexeita reforzar os Equipos de Valoración e Orientación da Discapacidade
O PP rexeita unha proposta de En Marea, a través da Deputada Paula Vázquez Verao, que pedía aumentar o persoal e número de equipos que valoran o grao de discapacidade, considerando que a situación que levou a termos uns 17.000 expedientes sen valorar é estrutural.
* Acceder aquí á PNL: pnl evo_pleno
A situación a nivel xeral de atrasos de meses na tramitación de das valoracións do grao de discapacidade é especialmente grave nas provincias da Coruña e Pontevedra, con 18 meses de espera na área que depende do EVO de Pontevedra e bastantes meses máis que chegou a haber na de Vigo no ano 2016.
Esta situación de listas de agarda repercute, non só nos dereitos das persoas, senón tamén nos equipos dos Servizos Sociais Comunitarios, que ao ser os máis próximos á cidadanía reciben directamente as queixas e sofren unha sobrecarga burocrática de traballo. É o que lles sucede a concellos da comarca do Salnés.
Os servizos sociais municipais fan de parapeto das necesidades sociais da poboación: axudan a tramitar o grao e reciben as queixas pola tardanza. Deste xeito, os Servizos Sociais do Concello de Ribadumia, e o seu equipo de goberno levan tempo denunciando as inxustificables listas de agarda na valoración do grao de discapacidade. Canto menos, a Consellería de Política Social ten constancia destas reclamacións dende agosto de 2016.
Naquel momento, a lista media de espera para a valoración do grao de discapacidade era de 18 meses; agora chegamos a tempos de agarda de entre 28-30 meses. Precisamente, cando fomos a Ribadumia falar cos Servisos Sociais chegou unha resolución que fora solicitada en decembro de 2014: dous anos e medio agardando polo certificado de grao de discapacidade. Sen saír de Ribadumia, un concello de 5.105 habitantes, mesmo ten habido casos de persoas que faleceron sen ter a resolución. Cantas persoas morreron en Galiza nos últimos dez anos sen acceder aos dereitos que lles recoñece a Lei de Autonomía Persoal?
Esta situación de tardanza na valoración é estrutural e ten a súa orixe máis directa na falta de persoal, pois é insuficiente con respecto ao volume de solicitudes e, por riba, non se cobren as baixas, facéndose necesario o reforzamento dos EVO con persoal fixo.
Pero en lugar de reforzar con emprego estrutural os EVO, a Xunta, para intentar saír ao paso da enorme lista de agarda de milleiros de persoas para a valoración do grao de discapacidade, a Consellería de Política Social e o SERGAS, supostamente, asinarán un convenio para que médicos de atención primaria, de xeito voluntario e remunerado, fóra de xornada laboral, fagan valoracións para os recoñecementos do grao de discapacidade. O Comité Intercentros da Xunta de Galicia sigue a día de hoxe sen coñecer ese convenio e o a Consellería de Política Social dalle largas, pasando por riba da representación lexítima de traballadoras e traballadoras.
Comentarios recentes