Paula Verao recrimina á CRTVG a ausencia xeral da perspectiva da clase traballadora nos informativos da TVG
A Deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, interpelou ao Director Xeral da CRTVG sobre o que En Marea considera escasa cobertura dos medios públicos do conflito laboral no Bershka da provincia de Pontevedra.
Sánchez Izquierdo considerou que a cobertura dada foi axeitada á dimensión do conflito, e que só se informou – cando xa se levaba unha semana de folga indefinida – cando o asunto excedeu os “límites locais”.
O certo é que a CRTVG confirma os datos de cobertura achegados pola parlamentaria de En Marea: só se informou da folga, iniciada o 26 de outubro, o día 3 de novembro (23 segundos) e o día 4 de novembro (45 segundos) nos informativos da TVG. Na Radio Galega, como a propia Deputada recoñece, si se acolleu a voz das persoas traballadoras e sindicatos, o día 2 de novembro, no programa GxD.
A Deputada Paula Vázquez Verao criticou a xeral “ausencia de perspectiva da clase traballadora” nos informativos da TVG. Por exemplo, en 2017 hai 114 novas na web da TVG sobre Inditex; novas que teñen que ver con que Zara está entre as mellores marcas do mundo, proxectos de traídas de auga en Camboia e Bangladesh, aumento de beneficios e reparto de dividendos do grupo Inditex, mesmo unha especie de publireportaxe sobre a súa nova tenda Bershka na Coruña (1,16 m) ou a nova sobre que Inditex comezará en outubro coa venta en liña… na India (1,22 m). A nova do 3 de novembro sobre a folga no Bershka da provincia de Pontevedra ocupou… 23 segundos. A nova sobre que se desconvoca a folga, o 4 de ocupa 45 segundos aproximadamente. En ningunha delas se entrevistou a traballadoras ou sindicatos.
“É moi difícil atopar traballadores e traballadoras falando nos micros da tvg para o telexornal. En cambio, a Manolo de Xaniño pónselle o micro para relatar a súa fazaña no pilón da roupa tras unha noite de puticlubs. É máis: a Manolo de Xaniño fáiselle unha entrevista de 10 minutos nun programa pola tarde.” – valorou a Deputada Paula Vázquez Verao -.
Esta situación é contraria a un dos principios inspiradores da comunicación da CRTVG, que é, segundo a Lei de medios públicos de Galicia, “o reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galicia.”
Comentarios recentes