En Marea soberana implica deixar fóra as cúpulas partidarias
Sendo En Marea unidade popular das persoas, primeira forza da oposición, temos a responsabilidade de servir á sociedade para os obxectivos de:
– poñer Galiza no sitio que lle corresponde como nación no proceso de ruptura.
– desaloxar ao PP corrupto das institucións entre a maioría social honrada.
Isto implica, tal e como se acordou na Asemblea Fundacional de Vigo de xullo de 2016, deixar xa os intereses de parte que houber e pasar a explicitar sen reservas nin medos á unidade popular cidadá, apagando os “motores auxiliares” das distintas forzas políticas.
A todas as inscritas de En Marea correspóndenos contribuír e en ningún caso dificultar que EM sexa verdadeira unidade popular de persoas. As persoas con militancias previas como a de Podemos-Galiza, EU, Anova, Cerna, xentes de espazos varios e locais, xunto a persoas sen adscrición, comprometémonos a iso na Asemblea Fundacional do 31 de xullo de 2016 en Vigo. Alí, tamén as organizacións preexistentes nos comprometemos explicitamente a exercer temporalmente un papel de motores auxiliares para iniciar o camiño e só para inicialo.
En Vigo acordamos uns principios que nos acollen a todas sobre a base dunha ética común, da radicalidade democrática na elección de compañeiras para as institucións; coa mesma radicalidade democrática e cun sistema proporcional, elixir aos órganos de coordinación e representación do partido instrumental para representar ao espazo das mareantes, Consello e Coordinadora, pero, sobre todo, acordamos respectar e afondar na participación directa das persoas nun espazo de adscrición individual.
POR ISO CÓMPRE XA TOMAR UNHA DECISIÓN:
EN MAREA SOBERANA IMPLICA FÓRA CÚPULAS PARTIDARIAS, QUE APAGUEMOS OS MOTORES AUXILIARES PORQUE AS DECISIÓNS XA SON DAS INSCRITAS E SÓ DAS INSCRITAS
Hoxe, partidos e plataformas, mesmo no papel de motores auxiliares, téñense convertido máis nun problema que nunha axuda. Accións das partes, contraditorias ás veces con decisións adoptadas de xeito escrupulosa e radicalmente democrático polo conxunto das persoas do espazo En Marea, dificultan o avanzo da ferramenta da unidade popular das persoas que é o partido instrumental.
Hai que deixar xa os intereses de parte que houber e pasar a explicitar sen reservas nin medos a unidade popular cidadá que acordamos en Vigo e que é En Marea e concertarnos para disolver Cerna, Anova, EU e Podemos-Galicia para que como adscritas apliquemos todas as forzas dispoñíbeis na organización e perfeccionamento da En Marea republicana das persoas iguais en dereitos e deberes, con capacidade para decidir todo e cunha relación coas mareas locais respectuosa para que non se sinta excluída nin limitada ningunha, tal e como aprobamos no Plenario de marzo, e así remar todas na mesma dirección.
Galiza, 29 de maio de 2018.
DOCUMENTO COMPLETO
que pasa, que facer
Comentarios recentes