CERNA CHAMA Á NECESARIA ENTENTE DAS FORZAS E PERSOAS NACIONALISTAS NA DEFENSA DO PAÍS
Entendemos que é posíbel desaloxar ao PP da Xunta de Galiza e constituírmos un goberno alternativo de esquerda, determinado polo nacionalismo

Reunida en Santiago de Compostela a Asemblea de Cerna, considera necesario facer públicas as seguintes consideracións
Constatamos que no Estado o nacionalismo español que da soporte ao mesmo está a amosar a súa verdadeira faciana intransixente, autoritaria e negadora das nacións sen estado. Mudar este status non vai ser a resultante dunha maioría nas institucións españolas dentro desta Constitución senón unha cooperación intelixente entre todos os soberanistas das nacións sen estado.
Constatamos que a situación social, política e económica do País esixe unha acción radical para mudar estes procesos de destrución.
Constatamos que a esquerda española en Galiza, por moito que leve admitido no papel a plurinacionalidade do Estado e os dereitos dunha Galiza soberana a decidir, na práctica negan o dereito á autoorganización política e practican unha dependencia férrea das matrices españolas respectivas. Fica claro que a estratexia de acumulacións de esforzos para unha hexemonía do galeguismo e soberanismo non deu os resultados agardados, polo que é precisa unha autocrítica de todas sobre o acontecido. Este experimento deu en pecharse cunha imposibilidade de coincidir na mesma organización soberanistas galegas e organizacións e persoas de dependencia española.
Isto non obsta para ver unha oportunidade, a non desaproveitar, que poida apartar o PP do Goberno Galego e constituír un goberno alternativo de esquerda e nacionalista que faga fronte á desfeita social, económica e cultural do País, no que o nacionalismo sexa determinante e non só un sumando máis de escanos de apoio.
En calquera caso, o nacionalismo galego –soberanismo, independentismo ou galeguismo-, precisa dunha fonda reformulación que permita un amplo movemento no que poidamos cooperar todas aquelas persoas que lle queiramos a Galiza dende unha perspectiva de acción autoorganizada. Debemos repasar, todas, o que se leva practicado e experiencias anteriores de iniciativas fallidas para non repetir vellas fórmulas fracasadas. Precisamos un ámbito soberano, radicalmente democrático, cidadán, no que se decida por cada persoa un voto. Eis a responsabilidade de todas.
Facemos un chamado a esta reflexión a ANOVA, BNG, CxG, EM e todos os que, como CERNA, esteamos preocupadas e a prol deste entendemento.
Asemblea 23 de Novembro 2019
Santiago de Compostela
Comentarios recentes