Contribuír a frear a pandemia do COVID-19 e protexer ás persoas residentes na Galiza
A alarmante propagación do coronavirus que a nivel mundial acaba de ser declarada xa pandemia pola OMS, debe obrigar ás autoridades galegas a adoptar medidas severas para protexer ás persoas residentes no noso País en bóa medida convertido nun xeriátrico en amplas áreas da nosa xeografía.
A especial gravidade con que ao parecer dos expertos cursa o COVID-19 nas persoas maiores, as previsións de que o contaxio, segundo a Canciller da Alemaña transmitindo as estimacións dos expertos dese país que consideran que a pandemia afectará ao 70% da poboación dese País así como as medidas adoptadas en varios territorios do Estado Español con alto grao de cidadáns contaxiados con peche de centros educativos, prohibición de reunións, cancelación de eventos que congreguen máis de 1000 persoas, etc., sen que pola contra se limiten os desprazamentos de persoas procedentes deses lugares, consideramos que as autoridades galegas deben se valentes e protexer á nosa poboación cunha razoábel contención da importación de contaxios tanto dende España como dende Portugal.
A pirámide de poboación galega que fai da nosa poboación máis vulnerábel que a dun país normal demograficamente.
É por estas razóns que reclamamos o control das fronteiras galegas sometendo á corentena aconsellada polos expertos ás persoas procedentes de áreas con alto índice de contaxio e adoptar no interior medidas de control das aglomeracións sen agardar a ter un índice de contaxios análogo ao doutras áreas do Estado que na Galiza terán sen dúbida un número maior de desenlaces fatais dada a grandísima proporción de persoas maiores que temos no noso País.
Urxir a adopción das medidas que reclamamos non impide que coma noutras nacións do mundo, sigan circulando mercancías coa simple obriga de desinfección do vehículo, sexa tren ou transporte por estrada, e mudar ás persoas condutoras.
A sentenza de “os recortes matan” cobra unha especial relevancia e sentido ante esta epidemia do novo virus, polo que esiximos que se restaure e incremente a dotación de persoal sanitario e materiais médicos eliminados pola demolición do sistema público sanitario galego perpetrado polos gobernos Feixoo.
Que por covardía ou medo a correr un risco electoral se agarde a que se produzan vítimas da epidemia para protexer a vida de galegas e galegos, será unha irresponsabilidade máxima poñendo en perigo amplas capas da poboación.
Galiza, 11 de marzo de 2020
Coordinadora de Cerna
Comentarios recentes