Tese 1ª Asemblea Nacional (norma RAG)

Iª ASEMBLEA NACIONAL: TESE POLÍTICA

A CIDADANÍA E GALIZA, DECISIVAS OU AUSENTES?

A conquista da soberanía política de Galiza segue a ser o noso obxectivo estratéxico que, coidamos, debe incluír vertentes da soberanía como a “soberanía alimentar”, a “soberanía enerxética” e a “soberanía cultural”, e ser exercida cun marco xurídico-político que garanta o exercicio real da “soberanía popular”.

A loita polos dereitos nacionais de Galiza e por un modelo social ao servizo dos intereses populares é a nosa achega á loita mundial por un cambio global de sistema en favor da maioría social. Galiza é o noso marco de acción porque cremos na capacidade e necesidade de autoorganización política que debe abranguer á Nación Cidadá no seu conxunto, único suxeito político congruente coa aposta pola radicalidade na defensa dos dereitos democráticos que inclúen necesariamente os dereitos nacionais. Nestes tempos de emerxencia social a cuestión nacional en países como o noso corre o risco de ficar minimizada; atallar iso conxugando ambas cuestións é un repto para as xentes nacionalistas.

En CERNA consideramos que a conciencia de que Galiza é unha nación dependente sometida a decisións económicas e políticas que se toman contra a maioría social en centros alleos, é mais intensa que noutros períodos dos últimos anos, máis precisamos de novas formulacións para os paradigmas do nacionalismo e da esquerda que se teñen que construír dende a cidadanía consciente convertida no suxeito político da revolución cívica.

A coincidencia temporal entre crise financeira e económica, provocada pola ofensiva neoliberal contra o estado social e os dereitos cívicos, coa crise do denominado réxime do 78 ou da segunda restauración así como a mais absoluta, e interesada, ineficiencia do goberno galego, caracterizan estes anos do que demos en denominar “fin de ciclo” e nos que se ten conformado un dobre espazo de ruptura con dous vectores inseparábeis: o social e o nacional. A resposta a esta crise de fin de ciclo por parte da esquerda e do nacionalismo foi insuficiente por non ser quen de sumar todas as forzas posibles para acadar uns obxectivos comúns e explicitamente compartidos: a ruptura democrática co réxime da oligarquía financeira; a democratización do aparello xurídico-político coa incorporación do dereito de Galiza a decidir; a inmediata ruptura coas políticas antisociais e a recuperación das competencias e capacidades da Xunta e dos municipios para facer políticas sociais.

A unidade de acción é posíbel pero hai que abandonar vellas fórmulas. Cando o cambio político está na conciencia social no primeiro plano, non se pode gastar enerxías na competencia electoral e buscar logo acordos para cambiar o réxime. A unidade de acción ten que ser tamén electoral. A inevitábel competencia debe resolverse democraticamente antes de presentar a alternativa electoral e aí collen nacionalistas e non nacionalistas que acepten a auto-organización da Nación Cidadá Galega.

Dende o convencemento da imperiosa urxencia de lograr unha acción política eficaz para derrotar ao neoliberalismo e ao réxime español, CERNA, desexando achegar o noso gran de area a este esforzo compartido, considera preciso iniciar un dobre proceso, non diverxente, pero con ritmos temporais distintos, e dirixido ao mesmo espazo político e social consistente en:

1. Apoiar sen reservas a autoorganización da Nación Cidadá, nun proceso incluínte. Continuar e afondar nas tentativas de confluencia, sen subordinacións nin prepotencias, que se concretaron nos recentes procesos electorais (municipais e xerais), pero perfeccionando e mellorando os métodos de participación e toma de decisión en todos os ámbitos: radicalidade democrática, participación real (cada persoa un voto) sen exclusións e dereito radical a decidir colectivamente como nación para avanzar cara a conformación dunha ampla alianza cívica que sexa quen de botar ao PP da Xunta e poñer o goberno ao servizo das maiorías sociais.

Á vista do anterior, CERNA aposta por crear unha ampla alternativa partindo do espazo de “En Marea”, as distintas Mareas, as Candidaturas Municipalistas de Unidade Popular e progresistas.

2. Crear un ámbito de entendemento e reflexión das xentes nacionalistas, dos seus métodos de traballo e de participación en ámbitos cidadáns e promover un diálogo inaprazábel, honesto, xeneroso, humilde e colaborador entre aquelas organizacións políticas, grupos e persoas que consideran que Galiza está asistida de dereito radical a decidir colectivamente e coinciden nun marco xurídico-político propio para Galiza de cara a idear o xeito de defendelo conxuntamente e con eficacia.

Galiza non está condenada a seguir eternamente sometida nin as súas maiorías socias a sufrir as políticas ultraliberais da cleptocracia.

Galiza, 20 de febreiro de 2016