Texto Organizativo (norma RAG)

ACORDO DE CONSTITUCIÓN DE CERNA E PRINCIPIOS ORGANIZATIVOS

 

Partindo de que entendemos as organizacións políticas como instrumentos ao servizo da transformación social cara unha sociedade libre e xusta, a través de vías políticas, pacíficas e democráticas, decidimos dotármonos dos presentes principios organizativos que garantan: a democracia participativa e paritaria; a fraternidade, entendida a nivel orgánico como asemblearismo (participación directa e indelegábel, onde caben referendos e consultas mediante as TIC); cooperación e non competición; uso compartido das ideas e medios dispoñíbeis; órganos e cargos políticos sometidos á revogabilidade e á elección directa, aberta á presentación de calquera militante; transparencia; traballo cooperativo e en rede; república como cultura cívico-política; auto-organización política da nación galega.

CERNA pulará por evitar a cultura da aristocracia da militancia: cada integrante participará dos debates e traballos colectivos na medida do seu tempo e disposición.

As persoas reunidas en asemblea o 28 de xuño de 2014, acordamos constituírmos CERNA.

  1. Asumimos os principios ético-políticos da Declaración de Láncara e os principios organizativos que derivan dela.

  2. As persoas afiliadas a CERNA teñen dereito: a expresar libremente as súas opinións, internamente e publicamente; a elixir, ser elixidas e formular propostas de revogación nos distintos órganos; a participar e votar en cantas decisións afecten á vida organizativa; a utilizar o material, locais e demais servizos que se poidan crear e ofrecer para os fins e actividades propias da organización; a recibir -en caso preciso- defensa, asesoría e apoio solidario en toda situación problemática derivada ou relacionada coa súa pertenza e actividade a prol ou en nome da organización; a participar na proposta, planificación, elaboración, control e execución das distintas actividades que se realicen; a recibir información detallada sobre todos os aspectos da vida e xestión de CERNA; a discrepar publicamente dos acordos maioritarios; e a impugnar os acordos que estime contrarios aos principios ético-políticos e organizativos de CERNA.

  3. As persoas afiliadas teñen o deber de observar os presentes Principios Organizativos e actuar conforme aos principios ético-políticos democraticamente adoptados; colaborar activamente no cumprimento dos principios e obxectivos de CERNA, asistindo ás xuntanzas e actividades da mesma; cumprir os acordos lexitimamente adoptados -acordos que na acción institucional serán vencellantes e que na acción social serán só orientacións-; as persoas afiliadas terán autonomía para modular os acordos, adaptándoos á realidade dos movementos sociais nos que interveñan; as persoas afiliadas terán o deber de empregar a lingua galega.

  4. Será integrante de CERNA toda persoa que respecte os seus principios e que solicite a súa integración. A afiliación e integración é de carácter exclusivamente individual. Asemade, poderán formar parte persoas simpatizantes -cos mesmos dereitos e deberes que a militancia-, con dereito a voz e voto do xeito que se regule para cada convocatoria.

  5. CERNA organízase territorialmente en asembleas territoriais do ámbito que acorde a militancia en cada caso, de acordo coa Comisión Nacional de Coordinación.

  6. O máximo órgano é a Asemblea Nacional, reunión de todas as persoas afiliadas, podendo asistir persoas colaboradoras e simpatizantes -con voz e con ou sen voto-, do xeito que se regule para cada convocatoria.

  7. Como órgano colexiado con funcións de dirección política escollerase unha Comisión Nacional de Coordinación, integrada por entre 30 e 50 persoas elixidas directamente pola Asemblea Nacional. A Comisión Nacional de Coordinación poderá escoller a un grupo de persoas que funcione a xeito de Comisión Permanente, sen máis competencias que as que lle delegue a Comisión Nacional de Coordinación, diante da que -en todo caso- responderán.

  8. Poderán constituírse roldas ou grupos de traballo -con finalidades puntuais e concretas- con carácter deliberativo, por un período determinado ou con vocación de permanencia, como ferramentas para o deseño das liñas mestras da acción política.

  9. A elección de toda caste de responsabilidades, de non existir entendemento, será aberta á presentación de calquera militante e cun sistema proporcional puro ou mediante listas abertas.

FINAL.- As modificacións ao presente documento organizativo, así como a disolución, só poderán acordarse en Asemblea Nacional.

Galiza, 28 de xuño de 2014.