Texto Político (norma RAG)

POR UNHA NACIÓN CIDADÁ SOBERANA

 

OS NOSOS OBXECTIVOS ESTRATÉXICOS

Xuntámonos para contribuír a unha Galiza soberana e máis xusta. Os nosos obxectivos estratéxicos resúmense en:

  • Soberanía Nacional de Galiza e a súa expresión xurídico-política, o Estado de Galiza, en exercicio do dereito de autodeterminación.

  • Organización como instrumento que contribúa á defensa do benestar das maiorías sociais, os dereitos da cidadanía galega e, en definitiva, a procura do ben común.

  • Democracia directa, acollida no novo marco xurídico-politico galego: soberanía popular.

  • Contribuír á democracia participativa tamén nas organizacións e plataformas ou movementos cívico-políticos.

 

PUNTO DE PARTIDA

Reafirmamos o noso compromiso co obxectivo das asembleas do NOVO PROXECTO COMÚN de contribuír á construción dunha nova expresión política do nacionalismo para o século XXI.

Ser ponte entre a cidadanía e a instancia política e, no plano interno, practicar a auténtica irmandade imprescindíbel para a practica da democracia horizontal e participativa é o que nos move a organizármonos sen que por elo descualifiquemos outras tentativas de faceren o mesmo.

A nosa forza adicarase a traballar polos obxectivos estratéxicos e non a confrontos paralizantes.

 

POR QUE NOS ORGANIZAMOS?

Porque que a crise actual se solvente cunha mudanza do réxime -en chave galega- ou co empobrecemento das clases populares, coa liquidación do estado de benestar e coa perda de democracia, depende do pobo galego autoorganizado e tórnase vital impulsar a fronte ampla e a unidade de acción desde abaixo. Debemos aproveitar a actual conxuntura política de loitas democráticas para acumular forza para mudar o sistema, comezando polo marco xurídico político, cara unhas institucións galegas soberanas e radicalmente democráticas.

CERNA, como organización nacionalista, debera ser un exemplo dos valores de esquerda, cidadáns, democráticos e republicanos, de participación, horizontalidade e democracia participativa que queremos para a organización da sociedade, pero sobre todo, da fraternidade. Para CERNA é prioritaria a sintonía coa sociedade para ser quen de lle facer fronte á ditadura do capital financeiro.

 

LIÑAS DE ACCIÓN POLÍTICA

1.- FRONTE AMPLA

Dende o necesario entendemento estratéxico do nacionalismo e a esquerda política e social de Galiza, sobre a base da unidade de acción cidadá, a constitución dunha Fronte Ampla, político- electoral, con obxectivos e contidos alternativos respecto do sistema, e a configuración dun potente movemento social que a respalde, esixe superar os respectivos intereses corporativos do marco partidario, as inercias históricas, a mirada estreita e curtopracista e require unha visión integradora e unitaria na acción.

Cómpre asumir e practicar os nosos obxectivos estratéxicos.

A nosa tarefa inmediata debe ser o apoio e/ou promoción da unidade cidadá por abaixo. A soberanía só se exerce dende a autorganización nacional.

Cómpre combinar as urxencias – desaloxar aos partidos do réxime das institucións que poñen ao servizo da plutocracia – coa acumulación de forzas suficientes para que Galiza interveña de xeito determinante nun eventual proceso de reconfiguración do marco xurídico-político e institucional a nivel de Estado, para garantir que non sexa unha nova fraude á cidadanía galega.

Así, cómpre intervir en dous niveis:

  1. Elaborar, en debate aberto coa cidadanía, as liñas esenciais do marco xurídico-político galego que garanta o dereito a decidir sobre os nosos problemas e recursos e un auténtico poder democrático da cidadanía.

  2. Alentar o nacemento de alternativas para as eleccións municipais que sexan verdadeira unidade de acción cidadá, co obxectivo inmediato de desaloxar a corrupción e os partidos do réxime dos gobernos municipais; e como ensaio e acumulación de forzas para a ruptura democrática co Estado, co anémico marco autonómico galego e coa Troika.

A plasmación organizativo-representativa para as vindeiras eleccións municipais deben ser candidaturas de unidade cidadá, sobre a base do seguinte:

  • Conformadas desde a base auto-convocada e non como extensión de fórmulas pre-existentes ou amaños das cúpulas partidarias.

  • Apertura de procesos constituíntes para as candidaturas a nivel municipal.

  • Nin vetos nin exclusións previas, nin a nivel persoal nin organizativo (incluíndo, en consecuencia, a quen asuma na práctica os elementos comúns de aposta e defensa do dereito a decidir das nacións, a esquerda como práctica anti-dictadura financeira e anti-troika e a democracia participativa e horizontal como forma da toma de decisións).

A unidade de acción cidadá non deberá facer exclusións pola orixe partidaria de ninguén, pero tampouco pode agardar por acordos nas cúpulas. Ao contrario, debemos formulala como superadora da fragmentación e o sectarismo partidario, que hoxe é unha pexa para a emerxencia política da nación cidadá galega.

2. – CONTRIBUÍR Á LIBERACIÓN NACIONAL E SOCIAL DE GALIZA

Organizámonos para contribuír e non para competir con quen traballe doutro xeito polos mesmos obxectivos.

Reunimos en Cerna porque as organizacións políticas son ferramentas pero non un obxectivo en si mesmas. Con todo, a cooperación é unha condición sine qua non para facer o traballo redíbel e para sintonizar cos sectores máis dinámicos da sociedade que “non toleran facer na casa o contrario do que se predica para a sociedade”.